Por fin, xa temos o noso neno na casa, rematamos as eternas esperas, os papelorios por triplicado, os nervios, a incerteza… Ah!, pero agora é cando realmente comeza a parte máis difícil da adopción, un proceso complicado para o que moitos dos pais e nais non estamos preparados. O mesmo que cos fillos naturais, asáltannos as dúbidas, os medos e moita, moita incerteza máis. É por isto que os psicólogos teñen unhas pautas orientativas para todos estes pais e nais primerizos nas adopcións dos nenos.
A primeira etapa é a máis difícil para ambas partes, para os pais e para os nenos, chámase o período da adaptación. É moi normal que o neno estea asustado, cohibido, que non durma nada ben, tampouco quererá comer, custaralle relacionarse cos nenos da súa idade ou entorno, etc. Imos precisar moita paciencia e moito cariño, e co tempo, o neno xa irá confiando nos pais o primeiro e pouco a pouco no resto da familia e amigos, entón esquecerá a súa inseguridade e os seus medos ao descoñecido e comezará a abrirase a todas as persoas coas que se relacione. Aínda que pode ser que os primeiros días que o levemos a escola ou que o deixemos durante un tempo ao coidado de algunha persoa, o neno non deixe de chorar desconsoladamente, isto e normal ata que pasen uns días e vexa que sempre volvemos a recollelo e non o deixamos abandonado. E lóxico o seu medo a o abandono se foi ese o que viviu anteriormente.
Pasados os doces anos da nenez chegará a difícil idade da adolescencia. Por norma xeral todos os nenos nesta época vólvense mais rebeldes e independentes, pero os nenos adoptados senten aínda máis curiosidade que os fillos naturais e teñen a necesidade de saber e se é posible coñecer os seus pais naturais e/ou familiares máis próximos, coma irmáns, avós, etc. Neste punto os psicólogos aconsellan aos pais adoptivos que lles apoien en todo o que poidan, que lles ofrezan toda a súa axuda e comprensión, que lles faciliten todos os datos de que dispoñan e se o neno así o quixera, que lle axuden a poñerse en contacto coa familia natural, se é que esta tamén quixera coñecelo. Sobre todo, e o máis importante, é afrontala situación coa naturalidade e sempre respetando os desexos e a intimidade do noso fillo.
B.V.S.